A contrafío[1] (en francés: À rebours) é unha novela do escritor francésJoris-Karl Huysmans publicada por vez primeira en 1884. O editor e poeta inglés Arthur Symons cualificouna como "o breviario da decadencia"[2], mentres que os galos Guy de Maupassant e Paul Alexis a describiron, respectivamente, como "a historia dunha neurose"[3] e "o estudo naturalista dun caso de neurose"[4]. Tamén é habitual cualificar a obra como un manifesto estético[5][6].
A narración céntrase no seu personaxe protagonista, Jean des Esseintes, e ofrece un extenso catálogo dos seus gustos e forma de vida. Trátase dun home excéntrico, cualidade de esteta e antiheroe; odia a burguesía e o utilitarismo do século XIX, polo que trata de retirarse nun mundo artístico creado por el mesmo.
Se ben o movemento decadentista tivo escasa implantación en Galicia, o certo é que A contrafío si xoga un papel relevante en canto á constitución da literatura galega[10], como obra de referencia para diversos autores da Xeración Nós (de maneira notable, para Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco) así como para outros xa da segunda metade do século XX, como Lois Pereiro.
Risco sinala de maneira explícita no seu ensaio Nós, os inadaptados (1933) a súa admiración por Huysmans, a súa obra A contrafío e, en concreto, por Jean des Esseintes en tanto que arquetipo do dandi:
O tipo [inadaptado] deuse adoito na fin do século derradeiro, e atopou cecais a máis nidia expresión literaria no Des Esseintes de Huysmans. O tíduo da novela de Huysmans dío todo: À rebours; porque eso é o que son os inadaptados, os que van a contrafío do seu tempo, os que non acaen cos seus contemporáneos.
Por outra banda, Pedrayo, en Arredor de si (1930), cita expresamente a Huysmans en dúas ocasións. Unha desas veces traza un paralelismo entre Adrián Solovio e as experiencias que Des Esseintes vive no capítulo XI da novela gala. Di así:
Unha noite Adrián lembrara unhas páxinas de À rebours de Huysmans. Deberíase traducir en castelán “a contrapelo”. Tivo a mesma fame de vida inglesa, salgada e forte, do wiking dono dos ronseis do mar. Baixoas arcadas de Rivoli o título “Bodega” arredondeábase groso e cheo, seguro e ditoso como un tonel.
Hai dous tipos de Inadaptados: o que rompe coa sociedade e illa dela, e o que busca abrir novos camiños. Ao primeiro corresponde o protagonista de À Rebours; ao segundo corresponde Adrián, o protagonista de Arredor de si.
Anos máis tarde, o escritor Lois Pereiro incluíu a Huysmans ("sen dúbida Huysmans") no artigo sobre grandes escritores do Decadentismo que escribiu para A Naval.[12]
Manuel Outeiriño tamén viu a vinculación entre a obra de Huysmans e Pereiro.[13].