O termo municipal abrangue dez entidades colectivas ou parroquias, e 232 lugares.[2]
Orografía
A Serra da Carba delimita o concello polo norte, chegando aos 876 metros en Goía – Peñote. Ao oeste está a Serra da Loba, cun cumio de 706 metros no Candieiro e os 702 metros no Serrón do Lobo.
Numerosos ríos e regatos reparten a auga do concello ata o Atlántico e o Cantábrico. A través do Trimaz e o Labrada, chegan ao Ladra, que a canaliza ata o río Miño. Polo norte, o río Eume delimita Xermade e Muras.
A topografía do concello é en xeral chá. De tódolos xeitos o relevo faise máis agreste no norte e oeste do concello, onde comezan as serras da Carba (700-800 m) e da Loba (700 m). De ámbolos dous sistemas montañosos descenden arroios de cara ós ríos Labrada e Trimaz, afluentes do Ladra, que verte as súas augas no curso alto do Miño. Un pequeno treito do noroeste aporta as súas augas á conca do Eume.[3]
Dende a A6: Saída en Parga ou Guitiriz, en dirección a Buriz, pola LU-170.
Dende a A8: Saída de Vilalba, pola LU-861.
Dende a AG-64: Polas saídas de Cabreiros e Lousada.
Dende Viveiro, pola estrada LU-540
Climatoloxía
O clima é oceánico con invernos chuviosos e con neve nos cumios. Os veráns son frescos.
Historia
Toponimia
O topónimo fai referencia ao nome do antigo posuidor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). En concreto, viría de (uilla) Ieremiati, como flexión vulgar en xenitivo do nome bíblico Ieremias, nome atestado na Galiza na época medieval. Alternativamente, tamén poder provir de *(uilla) Germinati, forma en xenitivo de Germinatus, nome de orixe latina.[5][6]
Escudo
O escudo está composto por unha banda de ouro, un báculo de prata e dous besantes. O báculo de prata fai referencia á xurisdición dos mosteiros de Meira e Monfero sobre estas terras. Os dous besantes están relacionados coa abundacia de testemuñas arqueolóxicas, en particular ás referidas á cultura castrexa.[7] Todos estes elementos sitúanse sobre un campo de sinople (verde) que representa a importancia da vexetación para a vida deste concello.[8] A coroa pechada da parte superior do conxunto[9] vén a representar que é un concello creado na xurisdición real.[8]
Historia do Concello
Idade Antiga
Varios xacementos do Paleolítico sitúan en Xermade unha grande actividade nas primeiras épocas do poboamento de Galicia:[10] Abrigo Curaceiro (Penaparda-Burgás), O Muíño Novo(Lousada) e a Pena Grande de Férvedes.[11] Son abrigos entre rochas que serviron de morada e refuxio aos primeiros habitantes de Xermade. Ao pé do xacemento Férvedes II, na Pena Grande de Férvedes, atopouse a manifestación artística máis antiga coñecida ata hoxe en Galicia; o colgante de Férvedes, unha peza ornamental do Paleolítico superior de máis de 17 000 anos de antigüidade.[11] É un pequeno colar de pedra decorado cun trazo recto en ámbalas dúas caras.
No concello sitúanse gran candidade de medoñas; en 2018 Javier Gómez Vila e Antonio Riveira documentaron un total de 160 túmulos.[12] A máis salientable é a necrópole de Lousada, na Abelleira, que é un conxunto de medoñas na que se atoparon diversos restos, entre eles puntas de frechas.[13][14]
A asentamento romano da Graña é unha das poucas vilas romanas documentadas na Terra Chá. As escavacións sacaron a luz estruturas relacionadas co uso termal, entre elas un hipocausto de grandes dimensións (cunha cámara de máis de 17,32 m²). Este hipocausto está identificado como o máis grande de Galicia, por diante de Noville e da media galega, que se sitúa nos 10,7 metros cadrados.[16] (p.96) Segundo as investigacións de Gómez Vila, Neira González e Borrajo Santos, este asentamento debe considerarse máis como aglomerado secundario que como unha vilae romana.[16]
A estancia dos romanos corrobórase coa aparición en Cazás dunha lápida ofrendada ós lares viais, coa inscrición LARIBUS VIALIBUS PLACINIDA EX VOTO POSUIT, facendo referencia a unha posible vía que pasaba polo termo.[17]
Idade Media
Por Xermade pasaba o Camiño Real da Carba. Entraba por Lousada e saía na parroquia de Roupar.[18] Esta ruta unía Mondoñedo e Ferrol e foi unha importante vía de comunicación na Idade Media.[19]
No Antigo Réxime, as parroquias de Lousada e Burgás, esta última do señorío do conde de Lemos, formaban parte da xurisdición de Vilalba; a de Roupar pertencía ó mosteiro de Meira e a de Momán, ó de Monfero; a de Xermade formaba parte do señorío dos Andrade e a de Cabreiros inseríase ma xurisdición das Pontes de García Rodríguez.[17]
Idade Contemporánea
O ano 1840 é a data na que aparece por primeira vez o concello de Xermade. Nos anos vinte do século pasado a constante emigración ós países iberoamericanos propiciou a creación en Cuba de varias sociedades culturais, como a Liga Agraria de Xermade, os Fillos de Roupar e S. Mamede de Momán, que costearon as escolas de Roupar e Coto do Ameixeiro.[20]
Igrexa Parroquial de San Xulián. Construída no s. XVIII e reformada no século XX. De planta rectangular; conta cunha espadana de dous corpos e tres vans. A fachada principal ten un arco semicircular e sobre el unha fiestra co mesmo tipo de arco. O presbiterio ten un retablo da segunda metade do s. XVIII de estilo barroco[22] en tons vermellos e azuis e molduras douradas. No retablo aparecen as imaxes da Virxe do Carme (s. XVIII); San Xulián (titular) e a Dolorosa; a Inmaculada, San Roque e Santa Ana.[23]
Capela da Divina Pastora. Pequeno santuario reconstruído a finais de século. Consta dunha nave cuberta a dúas augas e sancristía. Ten un pequeno pórtico a tres augas sobre catro pilastras de cantaría.[23]
Igrexa Parroquial de San Bartolomeu. Foi reformada a comezos do séxulo XXI, mais data do s. XVIII. Detrás ten unha nave, capela maior cuberta cun sinxelo artesoado e sancristía. Na pedra da fachada principal está grabada a imaxe do Redentor. O retablo é de estilo neoclásico (s. XVIII).[24]
Capela de Santo Antón, dunha nave. Na entrada da sancristía figura o ano 1.751.[24]
Cruceiros No conxunto do concello localízanse 62 cruceiros e 34 cruces. Das cruces, a máis antiga é de Orxás (Lousada) (1823).[32] Cinco cruceiros conservan restos de policromía.[33]
Río Eume: delimita Xermade polo noroeste, dando nome ao Parque natural das Fragas do Eume. Este espazo está cuberto en gran parte por fragas de carballo e castiñeiro con alta diversidade de especies forestais e fauna. Abrangue unha zona de Xermade limitando coa provincia da Coruña.
Complexo Húmido Parga - Ladra - Támoga. Formado por unha extensa rede fluvial con lagoas, árbores de ribeira (ameneiros, salgueiros, freixos, carballos e acivros centenarios) e zonas húmidas asociadas a pasteiros, áreas agrícolas. Acolle un importante número de aves acuáticas e mamíferos.[35]
LIC Serra do Xistral. Inclúe no seu espazo de Rede Natura a Serra da Carba, sistema montañoso que se estende polo norte do concello.[36] De grande importancia ecolóxica pola presenza de especies endémicas típicas destas zonas e diversos tipos de uces. Na parte alta dos vales predomina o bosque caducifolio. Fauna variada pola diversidade de hábitats.
Os Lagos de Lousada. É un espazo privado de interese natural (EPIN), unha figura de protección pensada para áreas en mans de particulares nas que existen formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres.[37]
Patrimonio civil
Entre os elementos que conforman o patrimonio civil de Xermade están os muíños, como o de Burgás[38] e os batáns, dos que se conservan restos en Lousada.
A ponte de Isabel II sobre o río Trimaz, en Cabreiros. Foi reformado en 2018.[40]
Escola Habanera de Roupar.[41] A Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo de Hijos de Roupar impulsou a creación dunha escola en Roupar, construíndo o edificio no ano 1921.[42][43][44] Actualmente está destinado a centro sociocultural da parroquia de Roupar de Arriba.[45]
Xermade na cultura popular
"Rabeache pola peneira/ rabeache por peneirar/ e rabeache por te casar/ na parroquia de Roupar"[46]
"Aún recuerdan los más viejos/ de Pepa la Loba andanzas/ por Germade y por Cospeito/ por Muras y Santaballa./ Cometió robos y crímenes/ vivió en el monte escondida/ hasta que un día quedó / su banda disminuida./ Pepa vivió con un hombre/ que por marido trataba/ en una casa en Roupar/ que está cerca de Villalba./ Allí moriría un día/ en la abejera instalada/ viuda y cuidando a un hijo/ y no se supo más nada"[46]
↑Vázquez Varela, J.M; Gaberias Vérez, X. (1994). Nuevos datos y perspectivas sobre el megalitismo del Noroeste de la Península Ibérica: los materiales del túmulo 5 de la necrópolis de Lousada, Xermade. Boletín do Museo Provincial de Lugo. pp. 65–74.
↑ 16,016,1Gómez Vila, Javier; Neira González, María del Mar; Borrajo Santos, Rubén (2017). Xermade na Historia. Servicio de Publicacións da Deputación de Lugo. pp. 11–130.
↑ 17,017,1Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. T. XLIV. Ed. El Progreso. 2005. p. 176. ISBN84-87804-23-3.
↑ 19,019,1Seijas Álvarez, Yesmina; Paleo Mosquera, Sofía (2017). "A neveira de Lousada no camiño Mondoñedo-Ferrol(pasado, presente e futuro)". Premio Xermade na Historia. Servizo de publicacións da Deputación de Lugo. p. 165. ISBN978-84-8192-544-9.
↑Blanco Parada, José Manuel; Arribas Arias, Fernando; Saavedra Pérez, Mario (2006). "Xermade". Caderno de Estudios Chairegos (Nº3): 73–115.
↑Bas López, Begoña (1991). Muíños de marés e de vento en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 439. ISBN84-87819-13-3.
↑"Relación dos muíños por parroquias no concellode Xermade" Anexo en Cendrón Díaz, Ramón M. (2017). "ESCOLMA DO PATRIMONIO CULTURAL DA AUGA NO CONCELLODE XERMADE: batán, muíños e fábrica da luz". PREMIO XERMADE NA HISTORIA. Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. pp. 281–346.
Premio Xermade na Historia. Servizo de publicacións da Deputación de Lugo. 2017. ISBN978-84-8192-544-9.
Riveira Requeijo, Antonio (2013). "Camiño Real da Carba, Mondoñedo-Ferrol treito polo concello de Xermade". Hume historia: revista de estudos históricos locaís (6): 245 – 257. ISSN1888-6183.