Mário Cesariny
Mário Cesariny de Vasconcelos, nado en Lisboa o 9 de agosto de 1923 e finado na mesma cidade o 26 de novembro de 2006,[1] foi poeta e pintor, considerado o principal representante do surrealismo portugués.[2] É de destacar tamén o seu traballo de antoloxista, compilador e historiador (polémico) das actividades surrealistas en Portugal. Traxectoria![]() Mário Cesariny de Vasconcelos naceu, casualmente, na Vila Edith, en Benfica, máis precisamente, na Estrada da Damaia, desa freguesía, onde os pais estaban a pasar as vacacións. Foi o último fillo (con tres irmás máis vellas) de Viriato de Vasconcelos, natural de Tondela, e da súa muller María de las Mercedes Cesariny (de ascendencia paterna corsa e materna española), natural de París. O pai, cunha personalidade dominadora e pragmática, era empresario ourives, con tenda e taller na rúa da Palma, na freguesía de Santa Xusta, en plena baixa lisboeta. Despois da escola primaria, o pai mandou o mozo Mário frecuentar o Liceu Gil Vicente, tras o que, ao fin dun ano, coa intención de dar continuidade ao negocio da familia, o mudou para un curso de cicelado na Escola de Artes Decorativas António Arroio. Na António Arroio Cesariny coñecería Artur do Cruzeiro Seixas e Fernando José Francisco.[3] Completado o curso de cicelado, como non lle agradase o traballo de ourives, frecuentou un curso de habilitación á Escola de Belas-Artes de Lisboa, que non chegou a estudar. Tamén estudou música, gratuitamente, co compositor Fernando Lopes Graza. Cesariny era un talentoso pianista, mais o pai, enfurecido, prohibiulle continuar eses estudos. Desde o final da adolescencia, Cesariny e os amigos frecuentan varias conversas nos cafés de Lisboa e descobren o neorrealismo e despois o surrealismo. En 1947 Cesariny viaxa até París onde, grazas a unha bolsa, frecuenta a Académie de la Grande Chaumière. É por esa altura, encontrándose en París, que Cesariny visita André Breton.[4] Ao abandonar París, o mesmo ano de 1947, e influenciado por Breton, impulsa a creación do Grupo Surrealista de Lisboa, tendo ao seu lado figuras como António Pedro, José Augusto França, Cândido Costa Pito, Vespeira, João Moniz Pereira e Alexandre O´Neill.[5] O grupo, que se reunía na Pastelaria Mexicana, xurdiu como forma de protesta libertaria contra o movemento do neorrealismo, dominado polo Partido Comunista Portugués, ao mesmo tempo que tampouco se aliñaba co réxime salazarista. Máis tarde, funda o antigrupo (disidente) Os Surrealistas, sendo seguido por António Maria Lisboa, Risques Pereira, Artur do Cruceiro Seixas, Pedro Oom, Fernando José Francisco e Mário-Henrique Leiría. Tamén a finais da década de 1940, Viriato, seu pai, abandona a familia para se fixar no Brasil cunha amante. Isto fai que Mário se aproxime máis da súa nai e da súa irmá Henriette. Na década de 1950, Cesariny dedícase á pintura, mais tamén, e sobre todo, á poesía, que escribe nos cafés. Ten colaboracións na revista Pirâmide[6] (1959-1960). O seu editor é Luiz Pacheco, con quen máis tarde (os anos 1970) se incompatibilizaría por completo. É tamén durante ese período que comeza a ser incomodado e a ser vixiado pola Policía Xudiciaria, por "sospeita de vagabundagem", grazas a humillantes presentacións e interrogatorios regulares, debido á súa homosexualidade, que vivencia diariamente, de modo franco e destemido. Só a partir do 25 de Abril de 1974 deixará de ser perseguido e atormentado pola policía. Cesariny vivía con dificultades financeiras, axudado pola familia. A pesar da excelencia da súa escrita, esta non o sustentaba financeiramente e Cesariny, a partir de mediados dos anos 1960, acabaría por se dedicar por enteiro á pintura, como modo de subsistencia. A partir da década de 1980, a obra poética de Cesariny é reeditada polo editor Manuel Hermínio Monteiro e redescoberta por unha nova xeración de lectores. Os últimos anos da súa vida, Cesariny viviu coa súa irmá máis vella, Henriette (falecida en 2004), nun apartamento na Rúa de Basílio Teles, 6 - 3º, en Campolide, Lisboa. Ao contrario do que acontecía anteriormente, abriuse aos medios de comunicación dando frecuentes entrevistas e falando sobre a súa vida íntima. En 2004, Miguel Gonçalves Mendes realizou o documental Autografia, filme intenso e comovente onde Cesariny se expón e revela de modo total. Mário Cesariny morreu o 26 de novembro de 2006, ás 22:30 h, de cancro da próstata, de que sufría había anos. Foi sepultado no Talhão dos Artistas do Cemiterio dos Prazeres, en Lisboa. O 8 de decembro de 2016, os restos mortais do poeta foron trasladados para un panteón individual, nunha cerimonia presidida polo Presidente da República Marcelo Rebelo de Sousa, coa presenza do alcalde de Lisboa, Fernando Medina, do ministro da Cultura, Luís Filipe Castro Mendes, do director cultural da Fundación EDP, José Manuel dos Santos, e de Teresa Caeiro, en representación da familia. Cesariny pasará a ter un monumento funerario con escultura proxectado por Manuel Rosa.[7] Doou en vida a súa bibliotea á Fundación Cupertino de Miranda e, por testamento, deixou un millón de euros á Casa Pia. LiteraturaMário Cesariny adopta unha actitude estética de constante experimentación nas súas obras e practica unha técnica de escrita e de (des)pintura amplamente divulgada entre os surrealistas. A súa poesía é animada por un sentido de contestación a comportamentos e principios institucionalizados ou considerados normais nos campos do pensamento e dos costumes. Ao recorrer a procesos tipicamente surrealistas (enumeracións caóticas, utilización sistemática do sen-sentido ou do humor negro, formas paródicas, trocadilhos e outros xogos verbais, automatismo etc.) alcanza unha linguaxe que sabe encontrar o equilibrio entre o cotián e o insólito.[8] Os últimos anos de vida, desenvolveu unha frenética actividade de transformación e rehabilitación do real cotián, da cal naceron moitas colaxe con pinturas, obxectos, instalacións e outras fantasias materiais. Sobre as sesións para as que o convidaban e en que o aplaudían, o poeta comentaba: Estou nun pedestal moi alto, baten palmas e despois déixanme ir só para casa. Isto é a gloria literaria á portuguesa[9]. Obras
Premios
Condecoracións
Notas
Information related to Mário Cesariny |
Portal di Ensiklopedia Dunia